A Xunta desmantela o centro de saúde de Doiras

O Concello de Cervantes esixe explicacións á Xunta pola retirada de material do centro de saúde de Doiras

O Concello de Cervantes vén de solicitar formalmente á Consellería de Sanidade aclaracións sobre a situación do centro de saúde de Doiras, despois de que na mañá deste mércores, 11 de novembro, persoal dependente da Xunta de Galicia se presentase nas instalacións coa intención de retirar material, equipamento e outros elementos existentes no local.

A actuación produciuse sen comunicación oficial previa ao Concello e nunha xornada marcada pola folga xeral, na que a atención da cidadanía e dos medios de comunicación está centrada noutros asuntos. Unha circunstancia que fai aínda máis difícil comprender que se leven a cabo este tipo de operacións sen informar previamente á Administración local.

Ante a ausencia de documentación que permitise coñecer o alcance e a finalidade da retirada, o Concello non autorizou o acceso ás instalacións. Desde o Goberno municipal considérase imprescindible contar previamente con información suficiente, garantías documentais e identificación das persoas responsables de calquera actuación que se realice no centro.

O que máis preocupa é a incerteza sobre o futuro deste servizo sanitario. Aínda que o centro de saúde de Doiras non presta actualmente atención sanitaria efectiva, non consta que a Xunta comunicase oficialmente o seu peche definitivo. Aínda así, a retirada de material e equipamento podería apuntar a unha clausura do mesmo.

Cómpre lembrar, ademais, que o local está en réxime de alugueiro e que é o propio Concello de Cervantes quen continúa asumindo o pagamento correspondente, sen que exista unha aclaración oficial sobre o uso e o futuro destas dependencias.

Por este motivo, o alcalde remitiu un escrito ao Departamento Territorial da Consellería de Sanidade de Lugo no que solicita información expresa sobre a situación administrativa do centro, a posible decisión de peche ou reorganización do servizo e a xustificación das actuacións iniciadas. Tamén reclama que calquera nova retirada de material se comunique previamente e que se elabore un inventario dos bens trasladados, identificando as persoas e administracións responsables.

O Concello aclara que non pretende obstaculizar as competencias da Administración sanitaria, senón reclamar transparencia, coordinación e respecto institucional.

Non é razoable manter á veciñanza na incerteza sobre o futuro dun servizo público esencial mentres se realizan actuacións nas súas instalacións sen información oficial. Cervantes merece explicacións claras e respostas sobre o futuro da atención sanitaria en Doiras.

A sanidade que merecemos

Más artículos sobre

Cervantes Censo electoral

Comprobación dos datos do censo electoral

PHOTO-2026-09-17-12-20-22

Rehabilitación ambiental das fontes de Os Olmos e Vilaver

Eclipse en Cervantes

Vivir a eclipse solar en Cervantes con seguridade