Desde o Concello de Cervantes continuamos traballando na preparación da campaña contra incendios de 2026 cunha actuación destinada a mellorar as condicións de traballo dos equipos que participan na protección do noso monte.
Nestes momentos estamos a renovar a base da brigada municipal de incendios, un espazo que permitirá ofrecer unhas mellores condicións ao persoal encargado das tarefas de prevención e extinción. Unha vez rematada a obra, esta instalación tamén estará á disposición doutros servizos de emerxencias que precisen utilizala, para o que simplemente deberán solicitalo ao Concello.
O novo espazo está pensado para que as brigadas e o persoal das motobombas dispoñan dun lugar adecuado onde descansar, asearse, comer e realizar as gardas durante os períodos de traballo. Trátase dunha mellora importante, especialmente durante os meses de maior risco, nos que os equipos permanecen moitas horas de servizo e deben estar preparados para actuar con rapidez ante calquera incidencia.
Como xa comezou a calor, sempre é bo recordar que se ves lume ou indicios de que o pode haber, debes chamar o antes posible ao teléfono 085.


