Concurso Fotos Cervantes

Cervantes en 12 fotografías. Buscamos as imaxes do calendario de 2027

Recordamos que quedan pouco máis de 15 días para participar no concurso de fotografía para o calendario municipal de 2027. Unha iniciativa coa que se quere dar protagonismo á paisaxe, ás aldeas, ao patrimonio e aos recunchos que fan de Cervantes un lugar único, contando coa colaboración das propias persoas que coñecen e viven o territorio.

A proposta está aberta á participación da veciñanza, que poderá achegar as súas fotografías para amosar diferentes perspectivas do municipio. Desde as paisaxes de montaña e os bosques ata as pequenas aldeas, os camiños, as construcións tradicionais ou eses lugares especiais que forman parte da vida cotiá de Cervantes.

Non é necesario ser fotógrafo profesional. O importante é compartir unha mirada propia sobre o municipio e contribuír a construír un calendario que represente a diversidade e a identidade do territorio a través das imaxes das persoas que o coñecen.

As fotografías seleccionadas ilustrarán os diferentes meses do calendario municipal de 2027, converténdose nunha pequena mostra visual da riqueza natural, patrimonial e paisaxística de Cervantes.

Como participar?

As persoas interesadas en participar deberán enviar as súas fotografías ao Concello de Cervantes antes do 29 de novembro de 2026.

Requisitos xerais: fotografías horizontais e en cor, en formato JPG dun mínimo de 3 megapíxeles e resolución suficiente para ser impresas en tamaño A4 con boa calidade.
Email para enviar as fotografías: calendariocervantes@gmail.com, indicando no asunto “Concurso calendario municipal 2027” e o nome, apelidos, dirección postal e teléfono da persoa participante.

O prazo de recepción estará aberto ata esa data. Unha vez rematada a convocatoria, realizarase a selección das imaxes que formarán parte do calendario.

Desde o Concello anímase a toda a veciñanza a participar e compartir aquelas fotografías que mellor representen Cervantes desde a súa propia mirada.

Os autores das fotografías seleccionadas recibirán un agasallo promocional do Concello, e serán informados do fallo vía correo electrónico. Recibirán, ademais, 5 exemplares do calendario municipal 2027 impreso. Os agasallos deberán ser recollidos nas oficinas municipais, para o que se acordará data cos/as gañadores/as.

Queremos que o calendario de 2027 sexa un reflexo do noso concello, das súas paisaxes e das persoas que lle dan vida. Axúdanos a construílo coa túa fotografía!

Más artículos sobre

A Xunta desmantela o centro de saúde de Doiras

O Concello de Cervantes esixe explicacións á Xunta pola retirada de material do centro de saúde de Doiras

Cervantes Censo electoral

Comprobación dos datos do censo electoral

PHOTO-2026-09-17-12-20-22

Rehabilitación ambiental das fontes de Os Olmos e Vilaver