Unha carta de Miguel González Vilela, Miguel de Doiras, novo alcalde de Cervantes
O 21 de novembro asumín a Alcaldía de Cervantes. Fíxeno con moita ilusión, pero tamén coa responsabilidade que supón estar á fronte do noso Concello e representar a todas as persoas que viven aquí.
Quero comezar dando as grazas a todas as persoas que me acompañastes neste momento e que me fixestes chegar as vosas palabras de apoio e confianza. Recíboas con moito agradecemento e coa vontade de estar á altura desta responsabilidade.
Tamén quero ter unhas palabras de recoñecemento para Benigno Gómez, que estivo 19 anos á fronte da Alcaldía. Foron moitos anos de traballo e dedicación a Cervantes, e considero importante agradecerlle todo o esforzo realizado durante esta etapa. Aínda que agora deixa a primeira liña, seguiremos contando coa súa experiencia e colaboración.
Comeza para min unha nova etapa, pero o obxectivo segue sendo o mesmo: traballar por Cervantes e pola súa xente. Temos retos importantes por diante e moitas necesidades ás que dar resposta. Quero facelo desde a proximidade, escoitando a veciñanza, dialogando e buscando solucións para seguir mellorando os servizos, as infraestruturas e as oportunidades no noso territorio.
Son consciente de que gobernar un concello como o noso require esforzo, constancia e compromiso. As nosas aldeas e a nosa xente merecen atención e traballo todos os días. Asumo este cometido coa intención de seguir avanzando, contando coa colaboración de todas as persoas que queiran aportar e construír.
Grazas pola confianza. Seguimos traballando por Cervantes.
Miguel González Vilela
Miguel de Doiras
Alcalde de Cervantes


