Xuntanza Confederacion Hidrográfica

Xuntanza de traballo con membros da Confederación Hidrográfica

O alcalde de Cervantes, acompañado de dous concelleiros, mantivo unha reunión coa presidenta da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Bárbara Monte, así como con Alejandro Barriuso, comisario de Augas, e Esperanza Martínez, xefa da Área de Xestión do Dominio Público Hidráulico.

Foi un encontro de traballo produtivo, no que se abordaron diferentes cuestións de interese para o municipio e se trasladaron as inquietudes da veciñanza en relación coa conservación e o uso responsable dos nosos recursos hídricos. O alcalde destacou a importancia de que a Confederación mire polos nosos ríos, pois son un recurso natural prioritario e unha das grandes fontes de riqueza de Cervantes.

Os ríos vertebran o territorio, alimentan os montes e os prados, e sosteñen boa parte das actividades tradicionais, como a gandaría ou a agricultura. Ademais, teñen un papel esencial na conservación da biodiversidade e na atracción de visitantes que buscan desfrutar dunha natureza auténtica e ben coidada. Manter os ríos limpos, accesibles e vivos é tamén apostar polo futuro do noso rural.

Durante a reunión, o Concello solicitou á Confederación que simplifique os trámites administrativos, para que a veciñanza poida facer as súas xestións con maior facilidade e sen tantos obstáculos. A idea é que quen vive no rural non teña que atopar máis barreiras á hora de realizar actuacións necesarias e responsables no seu entorno.

Desde o Concello de Cervantes seguimos traballando para mellorar o día a día da veciñanza, coidando do noso patrimonio natural e facendo que a voz do territorio chegue ás administracións competentes.

Más artículos sobre

Demostración de desbroces

Gran interese na demostración de maquinaria de desbroce en Cervantes

Carnaval Cervantes 2026

Carnaval en Cervantes

Sanidade en Cervantes

Nin + nin -. A sanidade que merecemos!