O alcalde de Cervantes, Benigno Gómez, foi entrevistado no xornal El Progreso. Deixamos aquí o link directo a esa entrevista.
Na entrevista, o alcalde de Cervantes abordou os retos do municipio nos que se está a traballar desde o equipo de goberno: a perda de servizos básicos como o consultorio de Doiras, a diminución da poboación e as consecuencias da falta de gandaría extensiva, que agravan problemas como os incendios.
Destacou como un dos grandes logros do Concello a compra do Castelo de Doiras, símbolo da identidade local e motor de atracción turística, que xa se nota no aumento de visitantes, tamén grazas á incorporación dunha persoa de información turística. Tamén puxo en valor o crecemento de proxectos turísticos no municipio, aínda que lembrou que non todo o mundo pode vivir só deste sector, polo que se está a traballar en fórmulas que permitan aproveitar mellor as casas baleiras. Entre as prioridades para os próximos anos, salientou a construción da residencia da Deputación e a urxente conservación das pallozas de Piornedo, para o que se está a elaborar un plan de recuperación en colaboración coa Xunta e cos propietarios.
Benigno defendeu que a Xunta debe aplicar outros criterios que non sexan só económicos á hora de manter servizos no rural, porque sen eles “non vai quedar ninguén”. Ao tempo, puxo en valor a forza do tecido social en Cervantes —cooperativas, asociacións, ANPA ou Protección Civil— que manteñen vivo o territorio.