A situación das estradas en Cervantes volveu poñer de manifesto un problema que desde o Concello levamos tempo advertindo: a falta dun mantemento adecuado, especialmente no que respecta á limpeza de cunetas e tageas que permiten a conservación básica das vías, está a xerar danos importantes e deterioros xa visibles.
As intensas choivas das últimas semanas actuaron como detonante dunha realidade que xa estaba latente. En diferentes puntos do concello comezaron a aparecer fendas, gretas e incluso zonas onde o firme se está a afundir. Un exemplo claro é o ocorrido recentemente na estrada de Vilaver, unha situación que xa fora comunicada con anterioridade á Deputación de Lugo e que finalmente acabou cun derrubamento e con problemas graves para a circulación.
Un dos factores clave desta situación é a falta de limpeza das cunetas e os desaugues das vías. Cando estas non se manteñen libres de terra, vexetación e restos, a auga da chuvia non drena correctamente, filtrándose baixo o firme e debilitando a estrada. O resultado é visible: desprendementos, afundimentos e deterioro progresivo que, ademais de incrementar os custos futuros de reparación, supón un perigo para quen transita a diario por estas vías.
A foto que acompaña esta publicación e o vídeo que compartimos a continuación, corresponde á LU-723, a carretera da Xunta que vai de Liber ao Portelo. Como podedes ver, o mantemento é practicamente nulo, coas cunetas sen limpar e a auga estropeando diferentes tramos en todo o seu percorrido. Unha carretera que se arranxou fai pouco máis dun ano.
Hoxe solicitamos aos responsables de estradas da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo que un técnico se desprace a Cervantes para avaliar a situación sobre o terreo. Acompañarémolo persoalmente para revisar os puntos onde as estradas non están a recibir o mantemento axeitado. Trasladamos así formalmente a nosa preocupación ás administracións competentes e esiximos actuacións antes de que os danos sexan maiores.
Desde o Concello queremos deixar claro que seguiremos insistindo e reclamando as actuacións necesarias. A seguridade viaria é un dereito básico da veciñanza e non pode depender da sorte nin das condicións meteorolóxicas. Vivir no rural non pode significar ter estradas en peor estado nin asumir riscos que serían inaceptables noutros territorios.


