O alcalde de Cervantes, Benigno Gómez, mantivo onte unha reunión de traballo co senador César Mogo co obxectivo de abordar diferentes temas que afectan directamente ao noso municipio e analizar posibles vías de colaboración institucional.
Durante o encontro, que tivo lugar nun clima de cooperación e interese mutuo, falouse sobre os retos que afronta Cervantes en materia de servizos públicos, infraestruturas e desenvolvemento do rural. O alcalde trasladou ao senador as principais necesidades do territorio, facendo especial fincapé na importancia de manter e mellorar os servizos básicos que permitan fixar poboación e garantir unha boa calidade de vida na montaña lucense.
Tamén se revisaron algunhas das iniciativas nas que o equipo municipal está traballando, buscando apoio e coordinación para que poidan avanzar con maior axilidade. O obxectivo é sumar esforzos entre administracións e continuar defendendo o interese da veciñanza de Cervantes, apostando por un modelo de desenvolvemento que poña en valor o noso patrimonio natural, cultural e humano.
Desde o Concello seguimos traballando para que a voz de Cervantes se escoite en todas as instancias, e para que cada encontro sirva para abrir novas portas e oportunidades para o noso municipio.
 
				 
															


