A canle de WhatsApp do Concello de Cervantes naceu coa vontade de achegar información directa, clara e útil á veciñanza, empregando unha ferramenta que forma parte do día a día da maioría das persoas.
A través deste canal compártense avisos importantes, novas municipais, actividades culturais, información de servizos e comunicados de interese xeral, garantindo que cheguen de maneira rápida e sen intermediarios a quen vive ou ten vínculo co noso concello.
Trátase dunha canle unidireccional, na que o Concello informa sen xerar ruído nin saturar os teléfonos, garantindo así unha comunicación ordenada e respectuosa.
Hoxe podemos dicir con orgullo que máis de 700 persoas xa seguen esta canle, unha cifra moi significativa para un concello coma o noso. Este número de persoas seguidoras demostra que existe interese por estar ao día do que acontece en Cervantes e tamén que as novas tecnoloxías poden ser aliadas para achegar a administración á cidadanía, incluso nun territorio tan extenso e disperso coma Cervantes. A canle de Whatsapp convértese así nun complemento ás redes sociais e á web municipal, facilitando que a información chegue de maneira máis inmediata.
Desde o Concello queremos agradecer a confianza de todas as persoas que xa forman parte desta comunidade informativa e animar a aquelas que aínda non seguen a canle a que se sumen. Seguila é sinxelo, gratuíto e unha boa maneira de estar informadas e informados sen depender de terceiros. Estes son os pasos que debes seguir:
- Desde o teu teléfono móbil pincha aquí para ver a canle de Whatsapp.
- Unha vez dentro da canle, na esquina superior dereita, pincha en “Seguir”.
- E se queres recibir as notificacións, no mesmo sitio de antes, asegúrate que a campá de notificacións non está desactivada.
Se tes calquera dúbida podes pasarte polas oficinas municipais e axudámosche a configuralo.
Seguiremos traballando para mellorar os nosos canais de comunicación e para que a información municipal sexa cada vez máis accesible, transparente e próxima.


