Hide O Muín Cervantes

Hide O Muín, observar a natureza desde un antigo muíño

Se es amante da natureza e da fotografía de fauna, tes unha nova razón para visitar Cervantes: Hide O Muín, un proxecto de turismo rural activo que transforma un antigo muíño nun refuxio único para a observación de animais salvaxes.

A familia Santín, de Pereira, recuperou este antigo muíño para darlle unha nova vida. Poñer en valor este lugar é moito máis ca unha acción simbólica: é un compromiso real coa preservación do patrimonio cultural e natural da zona. Os muíños, son testemuñas do modo de vida tradicional no rural galego. Ao rehabilitalos con sensibilidade e darlles un novo uso vinculado á natureza e ao turismo sostible, non só se evita a súa desaparición, senón que se lles devolve vida e unha nova funcionalidade adaptada aos tempos. Así, contribuímos a manter a identidade do territorio e a construír un futuro máis conectado co noso pasado e co medio que nos rodea.

Un refuxio no corazón dos Ancares

Situado na aldea de Pereira, en plena Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, Hide O Muín está rodeado de castiñeiros, carballos, cerdeiras e abeleiras, nunha paisaxe que invita á calma e á contemplación. O refuxio, con capacidade para tres persoas, conta con dúas ventás con cristal espía a diferentes alturas e fachadas, permitindo a observación discreta da fauna local. Ademais, dispón de iluminación progresiva controlada por sensores de movemento para aproveitar a actividade nocturna e crepuscular.

Un paraíso para a biodiversidade

Os Ancares acolle máis do 79% das especies de aves rexistradas en Galicia e o 85% dos mamíferos autóctonos. Desde o refuxio, é posible observar corzos, xabarís, martas, teixugos, gatos monteses, raposos e, con sorte, lobos ou mesmo osos. Tamén se poden avistar diferentes especies de aves que se achegan ata o pequeno regato onde está este muíño.

Experiencias complementarias

Hide O Muín ofrece actividades como elaboración de pan en forno de pedra, recollida de castañas, extracción de mel ou fabricación de xabón caseiro, dependendo da época do ano. Estas experiencias permiten aos visitantes mergullarse na cultura e tradicións locais.

Horarios de visita

As visitas poden realizarse en horario diúrno, crepuscular ou nocturno, adaptándose ás preferencias de cada persoa. Previamente é preciso facer unha reserva a través da súa páxina web.

Hide O Muín é unha proposta que combina conservación, turismo sostible e paixón pola natureza, converténdose nun exemplo de como o rural pode ofrecer experiencias únicas e transformadoras.

Para máis información ou reservas, visita a súa páxina web: www.hideomuin.com

Hide O Muín

Más artículos sobre

pando

Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025

Axudas LEADER

Aberta a convocatoria de axudas LEADER

Corte estrada Vilaxán

Aviso de corte de estrada entre o Queirugal e Vilaxán