Demostración de desbroces

Gran interese na demostración de maquinaria de desbroce en Cervantes

A demostración de maquinaria forestal celebrada estes días reuniu máis de 70 persoas, chegadas desde distintos puntos como Asturias, León, Pontevedra, Cantabria e tamén do noso propio territorio. Entre as persoas asistentes había gandeiros, empresas de mantemento, profesionais de tratamentos en viñedos, persoal de concellos, equipos de mantemento de estradas, de desbroces forestais e de liñas eléctricas, entre outros.

A xornada serviu para ver en funcionamento maquinaria adaptada a zonas de montaña, destacando especialmente os robots de desbroce, que se manexan mediante botoneiras e permiten traballar en zonas de gran desnivel sen comprometer a seguridade do persoal. Estes robots viñeron preparados para desbrozar, pero tamén permiten acoplar distintos aperos para realizar diferentes tarefas. Pola súa parte, as máquinas autopropulsadas para estradas demostraron tamén a súa capacidade para desbrozar e desramar.

O interese foi tal que quedaron apalabradas catro máquinas tras a demostración, confirmando o potencial destas tecnoloxías para o traballo no noso territorio.

Queremos agradecer á empresa Murat, distribuidores para Galicia, Asturias e León da maquinaria de Energreen, por facer posible esta actividade. Tamén o noso agradecemento a todas as persoas asistentes polo seu interese: a actividade estaba prevista ata as 14:00 horas e finalmente prolongouse ata as 19:00 debido á participación e ás ganas de seguir coñecendo e probando as máquinas.

Un agradecemento especial tamén á Escola de Alta Montaña de Becerreá, que participou na xornada co seu alumnado, futuros capataces; e a todas as persoas que aproveitaron a ocasión para probar as máquinas e coñecer de primeira man o seu funcionamento.

Seguimos apostando por iniciativas que acheguen innovación e novas ferramentas ao traballo no rural e na montaña.

Más artículos sobre

Carnaval Cervantes 2026

Carnaval en Cervantes

Sanidade en Cervantes

Nin + nin -. A sanidade que merecemos!

Estado estradas Cervantes

Preocupación polo mantemento das estradas autonómicas e provinciais