Este domingo, o concello de Cervantes volverá ser protagonista dunha das probas ciclistas máis espectaculares e esixentes do calendario: a Ancares Cycling Marathon. Centos de ciclistas de diferentes puntos competirán e desfrutarán das nosas estradas, das paisaxes e do reto que supón pedalear polos Ancares lucenses nestes días de calor.
Importante: non é unha proba a tráfico pechado
A Ancares Cycling Marathon non se realiza con peche de tráfico, polo que é imprescindible extremar as precaucións nas zonas polas que discorre o evento. Solicitamos a colaboración de toda a veciñanza para que o paso dos ciclistas sexa seguro e sen contratempos:
- Atención especial nas estradas durante o horario da proba. Algunhas delas poden estar puntualmente cortadas.
- Animais sempre controlados. É moi importante evitar que haxa animais soltos preto das vías, para previr incidentes que poidan poñer en risco tanto aos ciclistas como aos propios animais.
- Precaución nos desprazamentos. Se tes que circular por zonas incluídas nos percorridos, planifica con tempo e conduce con especial coidado.
Unha oportunidade para gozar e apoiar o deporte
A proba desenvolverase en dúas modalidades:
- Gran Fondo, cun percorrido máis longo e esixente, pensado para ciclistas cunha preparación avanzada. Podes velo trazado no seguinte vídeo.
- Medio Fondo, cun trazado máis curto pero igualmente desafiante e cun atractivo paisaxístico de primeiro nivel. Podes velo trazado neste vídeo.
En ambos casos, as rutas atravesan varios puntos do noso concello, polo que veciñas, veciños e visitantes poderán ver de preto o paso dos participantes.
Este tipo de eventos son tamén unha excelente oportunidade para poñer en valor o noso territorio. As imaxes das nosas estradas, montañas e aldeas chegan a centos de persoas, converténdose nunha promoción natural do Concello de Cervantes e dos Ancares.
Animamos a todos a saír á beira da estrada para aplaudir e dar ánimo aos ciclistas. O apoio da xente fai que a experiencia sexa máis especial e que moitos queiran volver en futuras edicións.
Agradecemos a colaboración de todas e todos para que esta xornada se desenvolva con seguridade e bo ambiente. Este domingo, Cervantes e Os Ancares volven ser referentes no ciclismo.