Hoxe, en nome de todos os cervantegos e cervantegas, levamos dous novos camións de herba a Ourense, continuando coa colaboración solidaria que comezamos hai unhas semanas para apoiar ás gandeirías afectadas polos incendios deste verán.
Esta acción é posible grazas á implicación da Asociación de Gandeiros Agromuralla, que coordina as doazóns de herba, e á colaboración de moitas persoas que, coma sempre, amosan que o rural é sinónimo de unión e axuda mutua. Dende o Concello de Cervantes seguimos comprometidos en apoiar estas viaxes, asumindo os portes para que o material chegue a quen máis o precisa.
O noso agradecemento máis sincero tamén para Transportes Gandería Balgos e Transportes Comuñas & García, que fixeron posible o traslado da herba con profesionalidade e xenerosidade. Sen o seu esforzo e boa vontade, non sería posible facer chegar esta axuda tan necesaria.
En Cervantes sabemos ben o que é pasar por momentos difíciles. Os incendios de 2017 deixaron unha fonda pegada en todos nós, pero tamén nos ensinaron o valor da solidariedade e da cooperación. Agora tócanos devolver ese apoio que noutro tempo recibimos, facendo o que mellor sabemos facer: axudarnos entre nós, co corazón e coas mans no traballo.
Con cada xesto coma este, reafirmamos unha idea que compartimos con orgullo: o rural está vivo porque o fan as súas xentes. Grazas a todos os que colaborades, directa ou indirectamente, para manter esa forza e ese espírito solidario que nos define.