San Román de Cervantes encheuse onte de vida, de música e de bo sabor coa celebración dunha nova edición da Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares e Feira de Artesanía, unha cita xa consolidada no calendario de outono da montaña lucense. A xornada foi un éxito rotundo de participación e ambiente, coa degustación de máis de 350 racións de tenreira, acompañadas dun día cheo de actividades para todos os públicos.
Desde media mañá, o polideportivo foi tomando forma cos postos dos artesáns, que trouxeron produtos elaborados con coidado e saber facer tradicional: cerámica, traballos en madeira, produtos de alimentación artesanal e outras mostras da riqueza creativa da zona. A Feira de Artesanía foi o lugar axeitado para mercar algúns produtos de alimentación e tamén para facer as primeiras compras de Nadal.
O aroma da Tenreira de Ancares comezou a percorrer o polideportivo ao achegarse a hora do xantar. As máis de 350 racións servidas deron boa mostra da calidade e prestixio da nosa carne, un produto de excelencia recoñecido dentro e fóra de Galicia. A actividade, organizada pola ANPA do CPI Cervantes, a Cooperativa A Carqueixa e o CDR Ancares, contou coa colaboración do Concello, a Deputación de Lugo e de numerosas persoas voluntarias que fixeron posible o evento.
O alumnado do CPI Cervantes tivo un papel protagonista, participando activamente na organización e na animación da xornada con diferentes actividades. O seu entusiasmo e implicación foron unha das mellores mostras de que a comunidade educativa tamén forma parte esencial da vida social e cultural do municipio.
Durante toda a xornada, o ambiente festivo estivo asegurado coa música tradicional dos grupos Os Xardois e Os Gaioleiros, que puxeron o ritmo e a alegría, facendo bailar a veciños e visitantes. Foi un día no que se mesturaron xeracións: nenos e maiores compartiron espazo, xantar e moita diversión.
Pero máis aló do ambiente e da festa, esta xornada é tamén unha oportunidade para reivindicar a importancia da gandería en Cervantes e en toda a montaña. O sector é un piar fundamental da nosa economía e da nosa paisaxe, garante de sostibilidade, fixación de poboación e coidado do territorio. A Tenreira de Ancares, criada en liberdade e alimentada de maneira natural, é un símbolo da calidade e do saber facer da nosa xente. Recordámosvos que esta carne pode mercarse facilmente a través da web da Cooperativa A Carqueixa, que fai envíos a toda a península.Queremos trasladar o noso agradecemento ás entidades organizadoras —a ANPA do CPI Cervantes, a cooperativa A Carqueixa e o CDR Ancares— polo seu enorme esforzo e dedicación, e tamén a todas as persoas que colaboraron, traballaron e participaron para facer posible esta nova edición.


