Festa dos maiores Cervantes

Cervantes celebra a súa festa dos maiores

O pavillón de San Román de Cervantes encheuse o sábado 23 de novembro de voces, sorrisos e reencontros. Un ano máis, o Concello de Cervantes organizou a tradicional Festa dos Maiores, unha cita moi agardada pola nosa veciñanza e que se consolida como un dos eventos sociais máis entrañables do ano.

A mañá comezou co reencontro entre as persoas participantes, porque esta celebración é, sobre todo, unha ocasión para compartir tempo, lembranzas e alegría. Co pavillón engalanado para a ocasión, pouco a pouco fóronse acomodando as máis de cen persoas inscritas, que este ano volveron demostrar o enorme cariño que se lle ten a esta festa.

O xantar foi un dos momentos máis especiais da xornada. Un menú pensado para que todas as persoas participantes desfrutasen dunha boa comida en compañía. Non faltaron as conversas animadas, as risas nin tampouco os brindes por seguir celebrando esta festa durante moitos anos máis.

Tras o xantar, a música comezou a soar e o pavillón transformouse nun auténtico salón de festa. Baile, cantos e un ambiente festivo que contaxiaba a todas e todos os presentes. A enerxía e o bo humor dos nosos maiores son un exemplo da vitalidade que caracteriza á xente da montaña.

Outra das actividades máis esperadas foi o campionato de tute, no que participaron numerosas persoas con moitas gañas de competir e gañar. A tarde pasou voando entre partidas, cartas e boas anécdotas que foron amenizando o encontro.

Un dos momentos máis emotivos da xornada foi, sen dúbida, a homenaxe ás persoas de maior idade asistentes. Un recoñecemento sincero e cheo de cariño para quen representa unha parte fundamental da historia e da identidade de Cervantes. A todas elas desexámoslles que sigan moitos anos máis con boa saúde, bo humor e esas ganas inmensas de participar nesta festa con todos nós.

Desde o Concello de Cervantes queremos agradecer a todas as persoas que se anotaron. A vosa participación é o que dá sentido a este evento.

E, por suposto, unha mención especial para todas as persoas que colaboraron na organización: voluntariado, persoal municipal e todas aquelas mans amigas que traballan para que todo funcione á perfección. Grazas polo esforzo, pola dedicación e pola vosa implicación.

Más artículos sobre

fotografia

Plan Camiña Rural 2025 - 2026

Xornada Degustacion Tenreira

Cervantes celebrou unha nova edición da Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares e Feira de Artesanía

Os gaioleiros

Dez anos de música cos Gaioleiros de Cervantes