Recoñecemento aos veciños de Balgos

Balgos, un recoñecemento á veciñanza e á amizade

Desde o Concello de Cervantes queremos poñer en valor algo que nos fai sentir especialmente orgullosos: a solidariedade e o espírito de comunidade que segue moi presente no noso municipio.

Un exemplo marabilloso disto atopámolo en Balgos, onde tres veciños, Carmen, Julia e Bernard, foron propostos pola Asociación San Felipe aos premios “V de Veciño” da Federación Veciñal de Lugo e acadaron un destes premios. O motivo é que nos últimos tres anos, levan cada día a outra veciña (Carmen) nos seus coches ao traballo.

Despois do falecemento do seu marido, Dositeo (“Teín”), Carmen quedou sen quen a levase a traballar. Pero non fixo falta pedir axuda: os seus veciños organizáronse e, entre todos, aseguráronse de que poida continuar traballando e facendo a súa vida con normalidade.

Historias coma esta amosan que no noso concello a veciñanza segue sendo o mellor recurso: unha rede de apoio que non entende de horarios nin de intereses, só de afecto e compromiso.

Como din nesta reportaxe que lles fixeron fai uns días no xornal El Progreso, “se non nos axudamos nós, quen o vai facer?”. É esa mentalidade a que mantén viva a montaña e fai que Cervantes siga sendo un exemplo de comunidade e solidariedade.

Desde o Concello queremos felicitar ás persoas implicadas, polo seu xesto e darlles a noraboa por este recoñecemento. Tamén agradecer e poñer en valor eses xestos anónimos que, día a día, fan que vivir en Cervantes siga significando compartir, coidar e acompañar.

Más artículos sobre

Xuntanza Confederacion Hidrográfica

Xuntanza de traballo con membros da Confederación Hidrográfica

Toponimizate Cervantes

O alumnado do CPI Cervantes aprende coa Real Academia Galega sobre os nomes da nosa terra

Miguel - Solidariedade Cervantes

Cervantes segue axudando ás gandeirías afectadas polos incendios