Explorando os Ancares

Explora Cervantes, o corazón dos Ancares

Se estás buscando unha escapada chea de natureza, patrimonio e autenticidade, Cervantes, no corazón dos Ancares, é o teu destino para este verán. O noso concello conta cunhas das paisaxes mellor conservadas de Galicia e cunha gran riqueza en canto a biodiversidade. En definitiva, é o lugar ideal para perderse nestes días de calor entre soutos, pequenos regatos, montañas e pobos con moita historia.

No Concello fixemos este mapa de Google Maps con algúns dos puntos de interese que podes visitar (igrexas, miradores, roteiros, restaurantes, aloxamentos, fontes, restos arqueolóxicos…). Podes descargalo para o teu teléfono aquí.

E neste artigo fixemos unha selección dalgúns dos sitios que podes visitar estes días se estás pola zona:

1. O Castro de Santa María de Cervantes

Este é un dos xacementos arqueolóxicos máis destacados dos Ancares, que está declarado Ben de Interese Cultural (BIC). Data dos séculos I e II d.C. e trátase dun xacemento que permite estudar a evolución e transición das culturas prerromanas da zona aos asentamentos romanos que se instalaron aquí. Está situado a 12 km de San Román, e a súa localización no é casual, senón que na época romana había nesa zona unhas minas de ouro.

Para visitalo podes seguir a Ruta do Castro que sae de San Román de Cervantes e pasa polo seguinte punto desta lista.

Castro de Santa María - Fotografía Óscar Doral

2. O Conxunto Etnográfico das Pallozas de San Román

Situado no núcleo de San Román de Cervantes, este conxunto etnográfico está formado por dúas pallozas e un hórreo, así como un campo que as rodea con algunhas mesas para sentarse a desfrutar do espazo e das vistas. Trátase dun lugar un tanto escondido, pero cun encanto único. É importante ter en conta que as construcións deste conxunto etnográfico non son orixinais, senón que foron construídas no a finais do século XX como museo ao aire libre da arquitectura ancestral da zona e agora albergan tamén unha mostra importante de materiais e utensilios tradicionais do día a día e das labores do campo que facían as familias da montaña.

Neste espazo celébranse con frecuencia actividades, así como tamén é posible reservar visitas coa informadora turística do Concello para poder visitalas por dentro. Toda a información no teléfono 629 36 70 18.

Pallozas San Román

3. Piornedo

Esta aldea prerromana situada a uns 1.300 metros de altitude na parroquia de Donís, conserva un valioso patrimonio etnográfico, sendo o núcleo onde se conservan mellor as pallozas ou vivendas tradicionais da zona. Pero ademais das pallozas, a aldea conta con numerosos hórreos, coa capela de San Lorenzo (situada na parte máis alta da aldea) e cun gran legado cultural e etnográfico que a veciñanza recolleu nunha web e nun roteiro guiado pola aldea que podes consultar a través de códigos QR.

Recomendamos a visita á Palloza Museo Casa do Sesto, unha palloza que mantén a distribución orixinal de cando estaba habitada e conta cunha exposición permanente das ferramentas e utensilios que a familia empregaba no seu día a día. Toda a información na súa web.

Piornedo

4. O Porto de Ancares

O Porto de Ancares é un dos pasos máis emblemáticos entre Galicia e León e unha das paisaxes máis impresionantes dos Ancares. Cunha altitude de 1.648 metros, este porto de montaña funciona como mirador e tamén é un punto de inicio de varias rutas que ascenden aos picos da zona como poden ser o Cuíña ou o Miravalles.

Ademais do valor paisaxístico, o Porto de Ancares é tamén unha zona de alto valor ecolóxico, está rodeado de bosques autóctonos, pastos de altura e hábitats onde viven especies de flora e fauna únicas en Galicia.

Ruta nos Ancares coas montañas de fondo

5. Castelo de Doiras

Esta fortaleza medieval situada na parroquia de Vilarello está situada nunha posición defensiva case inexpugnable. Conserva os muros exteriores, así como a torre do homenaxe, duns 26 metros de altura. Ademais da rúa relevancia histórica, o castelo está rodeado de misterios e lendas populares. Recentemente o castelo pasou a mans públicas e abriu as súas portas na primavera deste ano. Durante o verán pódese visitar de xeito gratuíto varias tardes da fin de semana e tamén entre semana. Toda a información e os horarios no teléfono 629 36 70 18.

Castelo de Doiras

6. Hide O Muín

Desde o corazón da aldea de Pereira, érguese Hide O Muín, un proxecto que recuperou un antigo muíño para convertelo nun refuxio no que observar a fauna salvaxe. Manten a esencia arquitectónica da construción tradicional pero coas melloras necesarias para que os visitantes poidan contemplar animais como corzos, xabarís, gatos monteses ou martas, sen perturbar o seu comportamento natural. Todo desde a intimidade de ventás con cristal espía e iluminación controlada por sensores de movemento, adaptada ao ciclo nocturno da vida animal.

Toda a información sobre este refuxio podes atopala na súa web e no teléfono 664 139 634.

Hide O Muín Cervantes

7. Tabernas, aloxamentos e casas de comidas

Aquí puxemos só 6 lugares de todo o que Cervantes ten para ofrecer, pero se estás pensando en achegarte a esta zona, toma nota das nosas tabernas, casas de comidas e aloxamentos nos que quedarte.

Bares e tabernas de Cervantes

Estes establecementos danlle vida ao noso concello e son un punto de parada obrigatoria para tomar algo e coñecer a nosa veciñanza entre visita e visita. Non en todos eles se dan comidas, para ver en cales se pode comer, consulta un pouco máis abaixo este artigo.

  • Bar Carlos | O Fabal | Horario: de luns a domingo de 10:00h a 00:00h. Teléfono de contacto: 982 36 45 90
  • Casa Roxo | O Fabal | Horario: de luns a domingo de 10 a 22:00h. Teléfono de contacto: 982 36 45 32
  • Bar Estanqueiro | San Román | Horario: de luns a domingo de 8:00h a 22:00h. Teléfono de contacto: 982 36 45 46
  • Bar Campo | Quindous | Horario: de luns a domingo todo o día. Teléfono de contacto: 620 72 38 34
  • Casa Alejandro | Vilanova | Horario: de luns a domingo de 10 a 22:00h. Teléfono de contacto: 982 36 45 54
  • Mesón Catroventos | Catroventos | Horario: de luns a venres de 8:00h a 00:00h, sábado cerrado e domingo aberto de 8:00h a 00:00h. Teléfono de contacto: 982 36 45 49
  • Mesón Castelo de Doiras | Doiras | Horario: de luns a domingo de 8:00 a 22:00h. Teléfono de contacto: 982 19 00 75
  • Cantina Mustallar | Piornedo | Horario de verán: de luns a domingo de 9:00 a peche. Teléfono de contacto: 982 15 17 17 / 660 350 001
  • Hotel Piornedo | Piornedo | Horario: consultar na súa páxina web ou en info@hotelpiornedo.com

Onde comer en Cervantes?

Xa sexa nunha casa de comidas familiar, nun restaurante ou nun local con vistas ás montañas, aquí atoparás comida caseira, receitas de toda a vida e produtos de proximidade co sabor máis auténtico.

  • Mesón Catroventos | Catroventos | Horario: de luns a venres de 8:00h a 00:00h, sábado cerrado e domingo aberto de 8:00h a 00:00h. Teléfono de contacto: 982 36 45 49
  • Cantina Mustallar | Piornedo | Horario de verán: de luns a domingo de 9:00 a peche. Teléfono de contacto: 982 15 17 17 / 660 350 001
  • Hotel Piornedo | Piornedo | Horario: consultar na súa páxina web ou en info@hotelpiornedo.com
  • Casa Roxo (Comidas por encargo) | O Fabal | Horario: de luns a domingo de 10 a 22:00h. Teléfono de contacto: 982 36 45 32

Aloxamentos en Cervantes

Neste listado podes atopar o aloxamento perfecto para quedar uns días e continuar explorando a zona.

  • Casa do Crego | Vilaquinte | Información e reservas na súa páxina web ou no teléfono 982 16 17 71
  • Cabañas de Ancares | Cabanas Antigas | Información e reservas na súa páxina web ou no teléfono 646 436 486
  • Palloza Baltasar | Castelo de Donís | Información e reservas no teléfono 982 16 18 25
  • Casa Casoa | Piornedo | Información e reservas na súa páxina web ou no teléfono 678 50 20 42
  • Cantina Mustallar | Piornedo | Información e reservas na súa páxina web ou nos teléfonos 982 15 17 17 / 660 350 001
  • Hotel Piornedo | Piornedo | Información e reservas na súa páxina web ou en info@hotelpiornedo.com

Más artículos sobre

Cervantes en Festas

As 10 festas que non te podes perder este verán en Cervantes

Hide O Muín Cervantes

Hide O Muín, observar a natureza desde un antigo muíño

Cervantes destino Starlight

Cervantes, destino Starlight. Un ceo cheo de posibilidades