Fai un par de semanas que o alcalde de Cervantes, Benigno Gómez, solicitou formalmente unha reunión co xerente da Área Sanitaria para esixir que se garantice un médico en cada centro de saúde do municipio, tanto en San Román como en Doiras. Tamén atención de enfermería.
Son servizos especialmente importantes nun concello cunha poboación envellecida e moi dispersa xeograficamente.
Despois de varios días esperando, por fin hoxe o alcalde e dous concelleiros mantivemos unha xuntanza co xerente da Área Sanitaria para coñecer cales son as previsións para cubrir as prazas vacantes de médicos e persoal de enfermaría no noso concello.
O encontro desenvolveuse nun ton cordial e fomos atendidos con boas palabras. Pero as boas palabras, por sí soas, non solucionan os problemas. O que precisamos son feitos: garantir a cobertura inmediata e estable das prazas vacantes en Cervantes. E, polo que se nos trasladou, esta solución non parece estar nos plans inmediatos do SERGAS.
Desde o Concello agardamos un tempo prudencial desde que non hai médico en San Román, confiando en que o SERGAS se organizase para cubrir as vacantes. Entendemos as dificultades xerais do sistema, pero non podemos aceptar as solucións propostas.
Queremos que o centro de saúde de San Román e o consultorio de Doiras volvan ter os servizos que xa tiñan, nin máis nin menos.
Ante a falta de compromisos concretos, ao rematar a reunión presentamos unha queixa formal por escrito ante a Consellería e ante a xerencia da Área Sanitaria esixindo que se presten os servizos que xa tiñamos.
Desde o Concello de Cervantes non imos permanecer calados nin resignados. Poñeremos todo o noso esforzo en defender o dereito a unha atención sanitaria digna, estable e de calidade. Non podemos seguir perdendo servizos nin dereitos básicos. Necesitamos feitos, non sólo palabras bonitas.



