O programa da TVG Rescates. No fío do milagre volveu poñer o foco nunha realidade que en Cervantes coñecemos ben: a importancia do traballo coordinado, profesional e humano das persoas que velan pola seguridade no noso territorio. Nun dos seus últimos episodios, o espazo seleccionou como protagonistas ao posto da Garda Civil de Cervantes, á agrupación de voluntarios de Protección Civil de Cervantes e a guardería da Reserva Nacional de Caza de Ancares, destacándoos como referentes nos rescates de montaña.
As montañas dos Ancares son un espazo de enorme beleza natural, pero tamén un territorio esixente. A súa orografía, as condicións meteorolóxicas cambiantes e a extensión da área fan que cada intervención supoña un reto. Por iso, contar con equipos preparados, coñecedores do terreo e con experiencia real en situacións de emerxencia é fundamental. O programa da TVG amosa precisamente esa realidade: rescates complexos, decisións tomadas en segundos e unha coordinación exemplar entre diferentes corpos.
No capítulo dedicado a rescartes e intervencións de emerxencia na montaña, ponse en valor o papel do noso posto da Garda Civil, que leva anos sendo un apoio esencial tanto para a veciñanza como para as persoas que visitan a montaña. A súa experiencia en rescates, a formación continua e o coñecemento do territorio converten este equipo nunha peza clave cando se produce unha emerxencia.
Xunto a eles, a agrupación de voluntarios de Protección Civil de Cervantes aparece como outro dos grandes piares da seguridade no concello. Un grupo de persoas voluntarias que, con compromiso e vocación de servizo, está sempre disposto a colaborar cando fai falta: en rescates, en situacións de risco, en eventos ou cando a veciñanza o precisa. O programa reflicte esa dispoñibilidade permanente e o valor do traballo en equipo, no que cada persoa suma.
Especial protagonismo teñen tamén os gardas da Reserva Nacional de Caza de Ancares, auténticos coñecedores da montaña. O seu día a día está ligado ao coidado do medio natural, pero tamén son un puntal indispensable na intervención en situacións de emerxencia. A súa presenza constante no territorio, o coñecemento de pistas, sendas e zonas de difícil acceso resulta decisiva en moitos rescates, especialmente en condicións adversas.
Desde o Concello de Cervantes queremos expresar o noso orgullo polo traballo que realizan estes tres corpos. Que un programa como Rescates. No fío do milagre as escolla como exemplo non é casualidade: é o resultado do seu esforzo, formación, coordinación e, sobre todo, de compromiso co territorio e coas persoas. Son un referente non só en Galicia, senón tamén fóra dela, así o quixo amosar a TVG con esta reportaxe.
Convidamos a todas as persoas interesadas a ver o episodio completo na páxina web da CRTVG, onde se pode coñecer de primeira man o labor destes equipos e entender mellor o que significa traballar “no fío do milagre” nun territorio como os Ancares. Para ver o episodio podes pinchar aquí.


