Cando chega o final do ano é tempo de facer balance, de mirar atrás e valorar todo o camiño percorrido. Pero, sobre todo, é un bo momento para dicir grazas. Grazas a todas as persoas que, dun xeito ou doutro, contribúen cada día a que Cervantes siga sendo un concello vivo, activo e con futuro.
Porque Cervantes non é só a suma de actuacións municipais, obras ou proxectos. Cervantes son as persoas que veñen de visita, pero especialmente as que viven aquí, que coidan os pobos, que manteñen abertas as casas, que colaboran, que se organizan e que non se resignan a ver desaparecer o rural.
É a veciñanza que participa, que se implica e que sempre está disposta a botar unha man cando fai falta.
Desde o Concello queremos agradecer especialmente o traballo das asociacións, das comisións de festas, do voluntariado, dos grupos de música tradicional e de todas aquelas persoas que dedican tempo e esforzo, de maneira desinteresada, a organizar actividades, manter tradicións e crear espazos de encontro. O noso recoñecemento máis sincero ás persoas que coidan dos maiores e das persoas dependentes nos seus fogares, acompañándoas con agarimo, paciencia e esforzo diario para que estean ben e vivan con calidade.
Grazas tamén ás persoas maiores, memoria viva da nosa historia, e ás máis novas, que representan a esperanza e a continuidade.
O noso recoñecemento vai tamén para o sector gandeiro e agrícola, piar fundamental da nosa montaña. Cervantes e Os Ancares son fermosos porque aínda hai gandeiros e gandeiras aquí, que coidan a terra cada día e manteñen a nosa paisaxe e biodiversidade.
Tamén un recoñecemento para os pequenos negocios e servizos locais, que apostan por seguir aquí a pesar das dificultades.
E hoxe, como cada día, queremos poñer en valor o gran traballo que fan os empregados e empregadas municipais (axuda no fogar, oficinas, obras..), a súa profesionalidade e implicación é vital para que o concello funcione.
Desde o Concello queremos reafirmar o noso compromiso de seguir traballando da man da veciñanza, escoitando, acompañando e defendendo os intereses de Cervantes en todas as administracións.
O futuro constrúese en comunidade, paso a paso, e sumando esforzos.
Desexámosvos un bo final de ano e un 2026 cheo de saúde, ilusión e forza para seguir facendo de Cervantes un lugar do que sentirnos orgullosos.


