Miguel - Solidariedade Cervantes

Cervantes segue axudando ás gandeirías afectadas polos incendios

Hoxe, en nome de todos os cervantegos e cervantegas, levamos dous novos camións de herba a Ourense, continuando coa colaboración solidaria que comezamos hai unhas semanas para apoiar ás gandeirías afectadas polos incendios deste verán.

Esta acción é posible grazas á implicación da Asociación de Gandeiros Agromuralla, que coordina as doazóns de herba, e á colaboración de moitas persoas que, coma sempre, amosan que o rural é sinónimo de unión e axuda mutua. Dende o Concello de Cervantes seguimos comprometidos en apoiar estas viaxes, asumindo os portes para que o material chegue a quen máis o precisa.

O noso agradecemento máis sincero tamén para Transportes Gandería Balgos e Transportes Comuñas & García, que fixeron posible o traslado da herba con profesionalidade e xenerosidade. Sen o seu esforzo e boa vontade, non sería posible facer chegar esta axuda tan necesaria.

En Cervantes sabemos ben o que é pasar por momentos difíciles. Os incendios de 2017 deixaron unha fonda pegada en todos nós, pero tamén nos ensinaron o valor da solidariedade e da cooperación. Agora tócanos devolver ese apoio que noutro tempo recibimos, facendo o que mellor sabemos facer: axudarnos entre nós, co corazón e coas mans no traballo.

Con cada xesto coma este, reafirmamos unha idea que compartimos con orgullo: o rural está vivo porque o fan as súas xentes. Grazas a todos os que colaborades, directa ou indirectamente, para manter esa forza e ese espírito solidario que nos define.

Más artículos sobre

Demostración de desbroces

Gran interese na demostración de maquinaria de desbroce en Cervantes

Carnaval Cervantes 2026

Carnaval en Cervantes

Sanidade en Cervantes

Nin + nin -. A sanidade que merecemos!