Este verán resultou imposible non acordarse dos difíciles momentos que vivimos en Cervantes nos lumes do 2017. Despois do lume, chegou solidariedade de moitos lugares para axudar á recuperación. Agora, por desgraza, tocoulles a outras zonas de Galicia sufrir a forza devastadora do lume, e desde o noso concello queremos estar á altura daquel apoio que nós mesmos recibimos.
Por iso, o Concello de Cervantes, en colaboración coa Asociación de Gandeiros Agromuralla, puxo en marcha unha iniciativa solidaria para levar herba ás gandeirías de Ourense que quedaron afectadas polos incendios deste ano. A nosa intención é que os gandeiros e gandeiras que agora se ven en dificultades poidan contar con recursos básicos para manter os seus animais e, sobre todo, que sintan que non están sós nesta loita.
Agromuralla estase encargando de xestionar as doazóns de herba, canalizando o esforzo de moitos gandeiros e particulares que decidiron colaborar. Pola súa parte, o Concello de Cervantes asume os custos de varias viaxes para que dúas empresas cervantegas, Transcancillós e Pombeiro, leven esa herba onde máis se necesita. Non podemos solucionar todo, pero sí poñer o noso gran de area.
Durante o día de hoxe, os dous primeiros camións cargados de herba saíron cara ás gandeirías ourensás. Un destes envíos foi financiado polo propio Concello de Cervantes e outro grazas á implicación da Feira en Defensa do Gandeiro de Montaña, que tamén quixo formar parte desta cadea solidaria.
Con esta acción reafirmamos que a solidariedade non entende de fronteiras nin de tempos. Hoxe somos nós quen axudamos, mañá pode ser outro quen nos dea a man. O importante é non esquecer nunca que, se queremos manter vivo o rural, temos que apoiarnos uns a outros, porque o rural somos todos.