Infórmase a veciñanza de que, entre os días 1 e 31 de maio de 2025, ambos inclusive, estará aberto o prazo para que os propietarios de terreos situados dentro da Reserva Nacional de Caza de Ancares (Lugo) poidan presentar a súa solicitude para participar no sorteo dos permisos de caza correspondentes á tempada 2025/2026.
Os modelos de solicitude estarán dispoñibles nos seguintes sitios:
- Na Casa do Concello de Cervantes, onde tamén se poden resolver dúbidas sobre o proceso.
- Na web do Concello de Cervantes, onde podes descargar directamente a solicitude aquí.
- No Servizo de Patrimonio Natural, mediante solicitude ao correo patrimonionatural.medio-ambiente.lugo@xunta.gal
- Na Oficina do Servizo de Patrimonio Natural no Distrito Ambiental VII Fonsagrada-Os Ancares (Rúa Ano Vello s/n, Becerreá – Lugo).
- A través dos vixiantes de recursos naturais da Reserva, que tamén facilitarán os modelos.
Enviarase unha única solicitude por propietario sinalando nela a parroquia pola que solicita (só se pode solicitar por unha parroquia). No caso da parroquia de Donís, cómpre ademais sinalar o lugar polo que se solicita (só se pode solicitar por un lugar). No caso de Piornedo a Asociación de Propietarios do Monte de Piornedo pode achegar unha solicitude única para a adxudicación do permiso.
As solicitudes deberán rexistrarse, dentro do prazo aberto, por vía electrónica a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia empregando o procedemento MT720P dirixido ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de Lugo, ou presencialmente nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, no rexistro do Concello de Cervantes ou en calquera outro rexistro público habilitado.
Lembramos que é fundamental presentar a documentación dentro do prazo establecido para poder participar no sorteo. A caza regulada dentro da Reserva Nacional contribúe á xestión sostible dos recursos naturais e representa tamén unha actividade de interese social e económico para o territorio.
Para máis información ou para resolver calquera dúbida, non dubides en contactar co Concello ou cos organismos competentes.
Podes atopar máis información nestes documentos:
- APERTURA DO PRAZO DE ENTREGA DE SOLICITUDES PARA PARTICIPAR NO SORTEO DE PERMISOS DE CAZA, CORRESPONDENTES A PROPIETARIOS, NA RESERVA NACIONAL DE CAZA DE ANCARES, PARA A TEMPADA 2025/2026
- SOLICITUDE PARA PARTICIPAR NO SORTEO DE PERMISOS DE CAZA NA RESERVA NACIONAL DE CAZA DE ANCARES (LUGO) – PROPIETARIOS DE TERREOS NA RESERVA – TEMPADA 2025/2026