Fondo cabecera Concello de Cervantes

Medio Natural

Fonte dos Namorados

Encadrado nas Serras Orientais de Galicia, Cervantes sitúase na zona oriental da provincia lucense. Este conxunto montañoso, que actúa de límite natural coa provincia de León, e as súas estribacións abarcan case a totalidade do municipio. O seu escarpado relevo caracterízase pola irregularidade, con vales encaixados, cumios en cresta, fortes pendentes e encaixonados cauces fluviais.

O relevo é moi accidentado, con elevacións comprendidas entre 1.500 e 2.000 metros, tales como O Mustallar (1.924 m.), Pena Longa (1.876 m.), Corno Maldito (1.848 m.), etc.  Estas elevadas altitudes tradúcense dende o punto de vista climatolóxico nun clima oceánico de montaña, con invernos longos e fríos e abundantes precipitacións, frecuentemente en forma de neve.  Os veráns son curtos e frescos. Nos Ancares atópanse os ecosistemas de alta montaña máis interesantes de Galicia, con extensos bosques eurosiberianos de gran valor ecolóxico.

Dende 1966, a vertente lucense foi declarada Reserva Nacional de Caza. Todo o manto vexetal que o cubre ofrece una ampla gama de tonalidades e variedades cromáticas: nos vales, pradeiras e campos de cultivo; nas ladeiras, extensas comunidades de carballos, alerces, faias, acebos, bidueiras, e nos cumios matogueiras e herbazais. 

Desde o punto de vista faunístico, Os Ancares conforman un singular ecosistema: osos, cervos, raposos, xabaríns, lobos, teixos, armiños, lontras, lebres ou coellos. Entre as aves destacan o urogalo, a águia, falcóns, o moucho, entre outras.

Polo que respecta á rede fluvial, numerosos son os ríos e regatos, emisarios do río Navia, que percorren estas terras: Ser, Castro, Cervantes, Quindous e Cancelada.

FLORA

A flora da Serra de Ancares caracterízase pola abundancia de especies, tanto arbóreas coma arbustivas, que se desenvovlen a diferentes altitudes construíndo unha serie de zonas vexetativas en función da altitude que varía desde os 350 ata case os 2.000 m. de altura.

Baixo estes parámetros, nas zonas baixas de vales, dando curso a regatos de augas limpas e cristalinas, podemos atopar especies como os salgueiros (Salix sp.), abrairas (Corylus avellana), amieiros (Alnus glutinosa) e olmos (Ulmus sp.).

A seguinte zona vexetativa constitúena as especies que se desenvolven ata os 1.000 m. de altitude, predominando os carballos (Quercus pyrenaica), os soutos de castiñeiros (Castanea sativa), o teixo (Taxus baccata), e algunha faia (Fagus sylvatica), que se ben puido ser unha especie dominante na zona, hoxe en día só existe un faial importante entre Vilaspasantes e Pintinidoira, ámbolos dous pobos de Cervantes.

Entre os 1.000 e os 1.500 m. atopamos outra zona vexetativa: ocupando a parte media das ladeiras desenvólvese o carballo albar (Quercus petrae). Outras especies que se desenvolven nestas altitudes on o capudre (Sorbus aucuparia), o pradairo (Acer pseudoplatanus), o bidueiro (Betula celtibérica), o freixo (Fraxinus excelsior) e o acivro (Ilex aquifolium); entre as especies arbustivas máis importantes atopamos os piornos e xestas (Genista florida e Cytissus sp.), ademáis de numerosos fentos.

Por último na zona vexetativa superior, a uns 1.500 m. de altitude, a flora predominante é arbustiva, formada principalmente por masas de uces (Erica sp.) e piornos.  Alternando con estas masas arbustivas atopamos zonas de pradería de montaña que serven de pasto ó gando na primaveira e no verán.

Outras especies a destacar son as repoboacións forestais realizadas principalmente con piñeiros (Pinus radiata e Pinus sylvestris), que tamén constitúen masas importantes na vexetación dos Ancares.

FAUNA

Existen unha serie de cursos fluviais coma o Navia, o Cancelada, o Ser, etc., onde as especies máis abundantes son a troita (Salmo trutta) e a anguía (Anguilla anguilla), aínda que tamén observamos algunha lontra (Lutra lutra), así coma unha grande variedade de anfibios.

Nos escarpados e espesos bosques de Cervantes atópase unha gran variedade de vertebrados entre os que cabe destacar o xabarín (Sus scrofa), o corzo (Capreolus capreolus), o cervo (Cervus elaphus), a marta (Martes martes), o gato montés (Félix silvestris), o teixo (Meles meles), a xineta (Genetta genetta), o turón (Mustela putorius), a garduña (Martes foina), o ourizo (Erinaceus europeus), etc.

Existen tamén numerosas especies de aves coma o urogalo (Tetrao urogallus), a perdiz pardilla (Perdix perdix), a perdiz común (Alectoris rufa), o zorzal (Tardus viscivorus), o gabián (Accipiter nisus), o azor (Accipiter gentilis), a curuxa (Tito alba), o cuco (Cúculus canorus), a anduriña (Hirundo rustica), o gorrión (Passer domesticus), a pega (Pica pica), etc.

Cabe destacar a existencia de seis cotos de pesca, así como dous tramos libres. Tamén existen cinco cotos privados de caza.

Superficie: 276 Km2

Montes: O Mustallar (1924 m.), Pico Penalonga (1890 m.), Pico Lagos (1876 m.), Pico Corno Maldito (1848 m.), Pico dos Charcos (1847 m.), Pico Pena Rubia (1821 m).

Ríos: Navia, Ser, Quindous, Cancelada, Cervantes, Barcia, Cabana, Castro, Cales, Cereixedo, Covas, Pontorrón, Ribón, Vilarello e Vilaver.

Imaxes

imx_Corzo imx_Urogalo

Ver máis imaxes

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Cervantes
Concello de Cervantes
C/ Deputación s/n – 27664 Cervantes - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 364 904 | Fax: 982 364 910
E-mail: concello.cervantes.cervantes@eidolocal.es