A SITUACIÓN DOS ANCARES
A Serra dos Ancares localízase nas montañas orientais de Galicia, entre os límites das provincias de Lugo, León e Asturias. Todo o conxunto de macizos montañosos, ríos e fermosas paisaxes de montaña farán posible que a persoa que os visite goce dunha viaxe inesquecible.
A súa zona oriental está ocupada por parte dos municipios de Cervantes e Navia de Suarna, concretamente as parroquias de Donis, Vilarello da Igrexa, Noceda e Cereixedo.
Os Ancares tamén contan cunha vertente pertencente a León, na cal incluímos os municipios de Candín, Balboa e Villafranca del Bierzo, ademais de un tramo asturiano onde se inclúe San Antolín de Ibias.
Os cumes máis importantes da Serra son: Penarrubia (1.822 m.), Corno Maldito (1.849 m.), Tres Bispos (1.795 m.), Mustallar (1.935 m.), Penalonga (1.898 m.), Miravalles (1.969 m.) e Cuiña (1.998 m.).
ACCESOS Á SERRA DE ANCARES
Se o visitante procede de Galicia poderá chegar pola autoestrada A6 ata a saída dos Ancares continuando pola estrada de Navia ata Liber, ou ben pola N-VI dirección Madrid ata Becerreá, situado en plena estrada nacional. Aquí desviaranse pola estrada LU-722 que indica Navia de Suarna e Serra de Ancares. Logo de 9 km. chegaremos a Liber. Desde aquí temos dúas opcións:
Se nos decidimos pola primeira opción atoparemos a 1 km. un pobo chamado Pontes de Gatín, alí poderemos parar e observar unha ponte romana. Seguiremos por esta estrada que se abre camiño entre montañas, vales e bosques de castiñeiros, bordeando o río Cancelada, constituíndo un conxunto de paisaxes de gran beleza. Seguindo a estrada chegamos a Doiras onde un pouco antes poderemos divisar unha prezada herdanza da Idade Media: O Castelo de Doiras, que actualmente é de propiedade privada. A distancia de Liber a Doiras é duns 20 km. En Doiras tomamos un desvío á esquerda que indica Serra de Ancares. A distancia entre Doiras e a Campa da Braña é de 12 km.
Se pola contra optamos pola segunda posibilidade chegaremos a San Román de Cervantes (capital do municipio), neste punto poderemos visitar o conxunto etnográfico que consta dunha reconstrución das pallozas típicas da zona. Seguiremos ascendendo por esta estrada que se abre paso entre terras de labranza e bosques de coníferas, bordeando á súa vez montañas que fan posible admirar bonitas paisaxes. Chegamos así ata Degrada, onde enlazamos coa estrada local LU-7231 Doiras-Piornedo, continuando á esquerda cara a Campa da Braña. A distancia entre Liber e a Campa da Braña por San Román de Cervantes é duns 25 km.
Unha vez na Campa da Braña continuaremos a viaxe cara o Albergue ou cara Piornedo. Desde ámbolos dous puntos parten numerosas rutas de sendeirismo.
Se os visitantes proceden da meseta:
Poden acceder pola autoestrada do A6 ata a saída dos Ancares, preto xa de Becerreá e continuar ata Liber, onde teremos as dúas opcións xa comentadas anteriormente.
Tamén se pode acceder por Vega de Valcarce. Unha vez pasado este pobo, situado na N-VI, atopamos un desvío á esquerda coa indicación de Ambasmestas. Neste pobo tomaremos outro desvío cara á dereita que indica Pontes de Gatín. Continuando esta estrada (a LU-723) deixaremos á dereita un desvío que nos conduce a Balboa e ascendendo chegaremos ata o Alto do Portelo, porto de montaña no cal limitan as provincias de Lugo e León. Desde este punto continuaremos descendendo cara Doiras e neste pobo tomaremos a estrada antes mencionada para chegar á Serra de Ancares.
Cabe sinalar que durante o transcurso desta viaxe os visitantes poderán gozar de fermosas paisaxes. A distancia entre Ambasmestas e Doiras é duns 21,5 km.
Outras posibles vías de comunicación son desde Piornedo, tomando a estrada que conduce a Suárbol, pasando polo porto de Ancares, Vega de Espinareda para saír á N-VI en Ponferrada, ou ben, un pouco antes de chegar a Piornedo, deixamos o desvío que nos conduce a este e seguimos pola estrada cara Navia de Suarna pasando por Moreira, Castelo e Vilaquinte, volvendo a Becerreá pola estrada LU-722.